5 de marzo de 2011

Formación en Supervisión e ética

Coloquio profesional en Bilbao ISPA-Supervisión

Etica, supervisión e coaching

Despois da primeira crónica do Seminario de supervisión e coaching do mes de xuño do ano pasado, pensei que me sería fácil elaborar esta, pero sempre resulta un reto plasmar as impresións vividas en torno á formación.

Os retos fan que nos superemos a cada minuto, e como estou no mundo da supervisión para superarme, non podo deixar de compartir con vós a pegada que este coloquio profesional deixou en min tanto profesional como persoalmente.

Para situarnos, é importante dicir que www.ISPA-Supervisión.org (Instituto de Supervisores/as asociados/as), cumpriu 10 anos de camiño e que con este coloquio pretendeu compartir, tanto cos seus asociados como con outros/as profesionais interesados/as no sector, as reflexións que arredor da ética e a supervisión foron despuntando ao longo deste periodo.

Na presentación Ricardo J Sánchez Cano, presidente de ISPA-Supervisión, deunos a benvida ás 37 persoas inscritas e desculpou a ausencia dos supervisores de Portugal, ademais de profesionais de todo o estado español, estaba presente toda a directiva de ANSE (Eslovenia, Italia, Alemania, Hungría, e Austria).

O perfil profesional maioritario era o de supervisores, pero de procedencia profesional heteroxénea, dende os clásicos, que veñen da psicoloxía ou o traballo social a outros sectores en aparencia desconexos do mundo da supervisión como pode ser a filoloxía a química ou a avogacía. Esta heteroxeneidade da unha visión amplia e enriquecedora.

Agradeceu a presenza da xunta directiva de ANSE (Asociation of National Organisation for Supervisión in Europe), e cedeu a palabra a Wolfang Knaopf, presidente de ANSE, que felicitou a ISPA-Supervisión pola organización do evento e deu paso á primeira conferencia.

Baixo o título ética da supervisión e do coaching, Siktze de Roos, supervisor e vicepresidente de ANSE, presentou de xeito moi creativo a necesidade de afondar na ética como un dos elementos claves do traballo da supervisión xa que se traballa con persoas que deben ser tratadas de xeito “xusto e coidadoso”.

Posteriormente achegou a súa perspectiva terminolóxica da ética e pechou a súa intervención coas posibilidades e limitacións do códigos éticos. Cuestións sobre as que mais tarde traballamos no World café.

O segundo enmarque estivo a cargo de Sabino Ayestarán, Catedrático emérito da Universidade do Pais Vasco (Psicoloxía Social), que como se pode ver no video que achego é un especialista no Liderazgo Transformacional, que recoñece a Supervisión o Coaching e a Facilitación como tres formas de exercer este lideazgo; compartiu co grupo as últimas novidades neste campo e como influe a autencitidade e a ética no mesmo.

No World café, traballamos sobre preguntas ¿Que nos interesa deste tema?, ¿en que nos gustaría afondar?, ¿que situacións nos xeneran preguntas sobre ética?, ¿que elementos prácticos levamos do traballo realizado?. Creativo e cheo de vida.

Pechamos cunha ronda na que todas e todos puidemos deixar a nosa impresión do coloquio; as 10 mais significativas para min, foron.

“Interconexión e fortaleza”, “apoio e humor”, “compromiso compartido”, “integridade autenticidade”, “emoción, ilusión, diversión”, “autoesixencia”, “transparencia consciente”, “autonomía, independencia”, “un paso mais no proceso” “ compartir cuestiones éticas”.

Teño a copia das transparencias á disposición de quen as queira solicitar, e tempo para compartir en profundidade a temática tratada.

Cando dicía impresión profesional e persoal, referíame a que profesionalmente a supervisión e o seu entorno, deixan sempre en min a sensación de estar traballando unha liña seria e profunda que me levan a asentar a miña vocación de traballo con e para as persoas, que me levou ao Traballo Social e que agora me acompaña na Supervisión.

A nivel persoal, este coloquio e a viaxe a Bilbao, en compañía dunha boa amiga, deume a seguridade de que “podo”, dende ese poder profundo que nos fai falla, cando nos achegamos a persoas descoñecidas ou a mundos teóricos novos, fora da seguridade do cotiá.

Grazas a ISPA, e aos seus asociados por darme esta oportunidade e a María, por empuxarme e acompañarme.