Benestar Social



Artigos publicados: Poden solicitarse por mail.


11-Artigo. Acción Social e loita contra a pobreza en Galicia.
No libro colectivo: Ecoloxía Politica. Olladas desde Galicia ISBN:978-846065931-0
10- A supervisión social. Experiencia práctica. Xaneiro 2015. Revista Galega de Traballo Social. Fervenzas nº 17 (pdf)
 Ed. Colexio de Traballo Social de Galicia:
9-Comunicación da prestación ao empoderamento. Presentada no XII, congreso de Traballo Social. Málaga 2013.
8- Estudo realizado para o traballo de Fin de Grao en Traballo Social, Publicado por ter obtido a nota suficiente no repositorio da:

Universidad Internacional de La Rioja
Facultad de Educación
Aproximación a la supervisión en intervención social, desde la dirección de equipos en Galicia

 Revista de Traballo Social “Fervenzas”. Ed. Colexio de Traballo Social de Galicia: 
7-
Nº 15. Na busca dunha inclusión social compartida. Perspectivas do Traballo Social en grupo. Publicado xaneiro 2013.
6- Os servizos sociais en Galicia. Colaboración. 2012. 
5- La crisis vista desde abajo. Colaboración 2011. Revista núm 93
Revista Servicios Sociales y Política Social. Ed Consejo General de Diplomados en Trabajo Social y Asistentes Sociales.

3- A intervención en inclusión social. Ferramentas prácticas. 2009. Revista núm. 12
2- En torno á loita contra a pobreza”: I Plan Galego de Inclusión Social. 2003.
1- A iniciativa social na atención a maiores no medio rural: O comedor social do CDR O VISO”. 1.998.


Artigo nº 3 - A Intervención en inclusión social. Ferramentas prácticas.
Grazas á miña supervisora e a Mª Xosé, por animarme e axudarme a revisar este artigo.
PALABRAS CLAVE
Inclusión social, ferramentas de intervención, entrevista, calidade
REMUMEN
Neste artigo atoparedes un breve marco xeral sobre o traballo social en servizos específicos, 14 ferramentas practicas de intervención nos itinerarios de inserción e unha análise do momento actual e das perspectivas mais inmediatas da intervención social dende o traballo social.
As ferramentas prácticas son de elaboración propia, fóronse creando ao longo dos anos, ensaiándoas, revisándoas e adaptándoas aos diferentes momentos vitais das persoas atendidas, pretenden visivilizar os pequenos pasos dentro dunha intervención integral na que as protagonistas son as persoas que acoden ao servizo do equipo municipal de inclusión social do Concello de Pontevedra, pero que poderían estar presentes noutros servizos tanto en atención primaria, como naqueles que se fai traballo de acompañamento social.

 INTRODUCCION
O traballo social específico, recentemente recollido na nova Lei 13/2008, de 3 de decembro de Servizos Sociais de Galicia, ten presenza en Galicia, nos centros de información á muller, nos programas de educación familiar e inclusión social entre outros.
O traballo social en inclusión social reforzouse nalgúns equipos dos Servizos Sociais Comunitarios, coa creación dos equipos do I e II Plan Galego de Inclusión Social, que na súa composición e funcionamento foron e son moi heteroxéneos.
O Equipo Municipal de Inclusión Social do concello de Pontevedra, está composto actualmente, por dúas traballadoras sociais e unha educadora social. O traballo diario está impregnado por un claro espírito de equipo que permite crear e recrear, ferramentas de traballo, algunhas delas aquí expostas. As fontes nas que nos apoiamos son diversas pero hai dúas impregnan a nosa intervención. Unha é o manual para o traballo social de acompañamento social  nos itinerarios de inserción (VVAA, 2003)., no que se entende o acompañamento social como un dereito que exercen os cidadáns nos servizos sociais de atención primaria; no noso caso nun servizo especifico.
A segunda, é a filosofía que parte do concepto de relación de axuda entendida segundo recolle Luciano Cián (1994:13)  como “unha dispoñibilidade atenta e respectuosa, unha curiosidade non invasora senón discreta, unha capacidade de ser activamente neutral e unha conciencia suficiente do propio estilo comunicativo (e polo tanto das súas aptitudes, ou contraindicacións, para afrontar certos tipos de persoas)”.
Evidentemente, non esquecemos os dous piares complementarios do traballo social, que constitúen o traballo en rede ou comunitario e a intervención con grupos, xa que son claves nos procesos de inclusión social. Aínda que a intervención en grupo non é obxecto deste artigo, non quero deixar de nomeala, especialmente, porque parece que a estamos deixando a outras profesións.
Intento ter presente que a intervención en grupo non consiste soamente en módulos dun número determinado de horas, fan que as persoas se acheguen ao mundo das habilidades sociais, pero que non sempre incorporan ao seu “saber persoal”, é dicir o traballo de grupos é necesario pero non suficiente para aprehender habilidades sociais, xa que as persoas que participan neles, acoden a un curso de 20 horas, vanse á súa casa e probablemente nun curto espazo de tempo esquezan as nocións especificas da formación recibida, e non poidan incorporala ao súa día a día.
A intervención en grupo ten que facilitar os procesos de cambio e a comprensión da propia realidade e do contorno, isto é, incorporar as habilidades ao haber das persoas que participan neste proceso. Polo tanto ten que ir mais aló dunha sesión de 4 horas de autoestima ou 20 de habilidades sociais.
A técnica básica coa que traballo a nivel individual é a entrevista, penso que non hai moito novo dende Mary E. Richmond (1995), ou Teresa Rosell (1989) pero o que si que é moi importante, igual que en calquera profesión, revisarse, buscar e escoitarnos no noso trato diario coas persoas, axudoume a isto tanto os artigos de Mª Carmen Martorell (VVAA 1997) como o descubrimento da Entrevista Motivacional (MILLER, William R. e ROLLNIC 1999), con estas referencias puiden pórlle nome técnico a o meu traballo diario e fun consciente de que no marco da entrevista utilizo múltiples ferramentas; anímovos dende aquí a que me enviedes as vosas seguro que son moi valiosas.
No cadro anexo, pódese observar de xeito esquemático a sistematización do proceso de elaboración dos itinerarios de incorporación social, dende a acollida ate os diferentes momentos de valoración diagnóstica, execución e avaliación das actividades acordadas, nese marco foron ensaiadas, e rectificadas as ferramentas que se presentan a continuación.

FERRAMENTAS PRÁCTICAS NA ENTREVISTA INDIVIDUAL

Non trato de recoller ferramentas de diferentes publicacións, se non resaltar o valor técnico dalgunhas delas e de facer ver como se poden usar nos procesos de inclusión social.
Hai que ter presente que deben contextualizarse, cada unha ten o seu momento e lugar no proceso de inclusión; estes pequenos exercicios enchen de contido as intervencións individuais e permiten manter o clima de confianza necesario para que cada persoa constrúa o seu itinerario e poida ir formulando demandas expresas:
1-A miña documentación ordenada. Ofrécese a aquelas persoas que manifestan a súa dificultade para atopar documentos na casa, e que se presentan con sobres de papel en mal estado. Facilítase un cartafol para follas taladradas, con fundas plásticas e partindo das necesidades mostradas realízase unha primeira clasificación, na que se irán incorporando novos documentos e propondo ir tirando aqueles que xa non son de utilidade. Tamén se facilita unha carpeta de plástico que han de ter, baleira, para levar documentación limpa cando precisen presentarse en calquera institución. Realízanse os axustes necesarios ao longo da intervención. Isto mellora a autopercepción e xestión de documentos.
Nun dos casos nos que se utilizou esta ferramenta, despois de múltiples seguimentos, sen conseguir que se presentase nas entrevistas co cartafol, na entrevista de despedida (2 anos de intervención) preséntase cun cartafol de asas extensibles con apartados onde leva cada papel no seu lugar, limpo e ordenado.
2- Auto-rexistro de tarefas diarias. Esta ferramenta utilízase tanto para iniciar como para manter unha xestión do tempo eficaz. Solicítase á persoa atendida que explique como é un día normal na súa vida diaria, e en que momento vai iniciar actividades de procura de emprego, unha vez completada esta primeira aproximación pídeselle que durante os próximos quince días, rexistre as actividades realizadas para despois ser analizadas en entrevista, e poida por si mesma detectar os seus propios ladróns de tempo e ver que cambios poden realizarse para mellorar o seu benestar persoal e de busca de emprego.
3- Lecturas comprehensivas. O obxectivo desta ferramenta é mellorar a comprensión, tanto de procesos, como de situacións concretas, cruciais na vida das persoas atendidas.
Explícase a posibilidade de realizar pequenas lecturas a cerca do tema que está a preocupar á persoa interesada, facilítase o texto e pídeselle, segundo o caso, que na seguinte entrevista relate que cuestiones aclarou ou en cales necesita afondar.
Foise creando un ficheiro sobre saúde, menopausa, enfermidades psíquicas, relacións afectivas, nais solteiras, cultura xitana, etc.
4- Escoito e sinto. Utilízase para mellorar a percepción de coñecementos e estimular a alegría, ademais resáltase o valor da música como elemento transmisor de valores, proponse que se realice unha recompilación das cancións que escoitan, e que tenten explicar os seus contidos, así como as razóns para escoitar un tipo ou outro de música. Incentívase a procura de música a través da biblioteca pública.
5- Listaxe de persoas e institucións coñecidas. Esta ferramenta utilízase para detectar deficiencias na rede persoal e social das persoas atendidas e en caso de darse axudar a visivilizar tanto redes existentes como posibilidades de creación de novos contactos persoais e institucionais.
6- Identificar a rede existente. Pídese que fagan unha listaxe de persoas coñecidas e de institucións que usan habitualmente, este proceso lévase a cabo en varias entrevistas, vaise completando a medida que vai dando información, finalmente, devólveselle, preguntándolle que valor teñen esas persoas e institucións na súa vida, e como cren que poden facer para melloralo se o consideran necesario.
7- Proporcionar novos xacementos de rede. As novas maias da rede técense, desde tres aspectos, primeiro facilitando directamente o contacto para cuestións especificas, (compartir vivenda, axuda para manexo de internet, etc.), segundo, facilitando a entrada en recursos que se descoñecen ou non usan, (nome da profesional, horarios, folla de derivación e posterior seguimento...) e terceiro, o mais valioso, é o que achega a vida de grupo, onde se facilita o coñecemento mutuo e xorden amizades, (compartir vivenda, apoio en períodos de enfermidade, actividades de tempo libre...).
8- Exercicios para a crianza. Ten a finalidade de visivilizar as tarefas educativas que se realizan espontaneamente cos fillos, e incorporar novas actividades que melloren o seu desenvolvemento socio afectivo. Pídeselle aos pais que expliquen que fai o neno ou nena ao longo do día, e como se dirixen ao el. Segundo as súas indicacións refórzanse aquelas actividades que xa se realizan, explicando os beneficios das mesmas e vanse incorporando paulatinamente novas actividades que os pais van practicando e devolvendo información sobre as mesmas. (Falarlle ao bebé, fichas de cores, contos tanto de propia elaboración como recomendados e ou prestados no servizo....)
No nacemento do segundo bebé, seguir contando con espazos para o primeiro cos seus tempos e contidos, favorecendo a súa autoestima e reforzando a súa presenza ante o seu novo irmán ou irmá.
9- Estímulo de conversacións dos proxenitores cos menores. Co obxectivo de mellorar a comunicación familiar, a auto-imaxe, e coidar os resultados escolares, explícase a importancia de manter a atención sobre os seus fillos, axúdaselles a formular preguntas, sobre os contidos escolares e preferencias das materias, datas de exames, momentos importantes para os seus fillos etc. Solicítaselles que comenten os resultados da conversación, como sentiron, e si se vai incorporando á dinámica familiar.
10- Obtención do carné de biblioteca pública. Pódese utilizar tanto como desenvolvemento persoal como educativo na familia. Mellora o uso dos recursos do contorno e a xestión doméstica complementando a compra de material de lectura e audiovisual.
A nivel individual ínstase, a aquelas persoas que mostran interese pola lectura, cinema, música, internet, que se fagan o seu carné e que comenten que uso lle van dando e que supón para elas.
A nivel familiar, os responsables dos coidados de nenos e nenas, convídaselles á mesma actividade pero pensando nos fillos, mesmo ás de baixa alfabetización, que se inician na lectura cos contos infantís.

No uso desta ferramenta, unha moza xitana explica o mal que sentiu, xa que ao chegar á biblioteca, un señor colocouse ao seu lado todo o tempo, como vendo que non levase nada, afrontou a situación, seguiu ensinando un conto ao seu fillo e conseguiu pedir que lle fixesen o carné para poder levar material á casa.
11- A caixa do que me de a pena tirar
. Utilízase cando nas visitas domiciliarias, se observa unha extremada desorde e acumulación de obxectos de todo tipo. Pídeselle á persoa atendida que revise as súas cousas que decida cales poden tirarse e cales teñen unha utilidade, se ten moitas dúbidas sobre aquelas que non teñen utilidade pero tampouco se decide a desfacerse delas, indícaselle que se faga cunha caixa coa data e unha etiqueta grande. “dáme pena tiralo”. Que decida canto tempo a terá na casa, se pasado ese tempo non utilizou nada da caixa debe tirala ao lixo sen ser revisada.
12- A mellora da presenza persoal. Cando se considera necesaria unha intervención en cuestións de hixiene e mellora da presenza persoal. Solicítase que expliquen o seu ritmo de hixiene persoal e de prendas de vestir. Fanse as indicacións oportunas sobre as observacións que ao longo do tempo se foron constatando no servizo e recoméndase que revisen o seu roupeiro indicando cantas prendas teñen para traballar e/ou estar en casa, cantas para ir a festas e cantas para acudir a institucións ou a entrevistas de traballo. Solicítaselles que fagan un balance das mesmas, e que valoren se son suficientes ou non e como lles gustaría que estivese o seu roupeiro; se é necesario derívase ao roupeiro de Cáritas, onde poden fornecerse de prendas axeitadas a cada actividade.
Normalmente mellora a presenza física durante un tempo ata que é necesario revisar novamente hábitos perdidos para volver incorporalos ao día a día.
13- O uso do calendario.
Utilízase tanto para persoas cun alto grao de deterioro como para aquelas que por cultura ou falta de comprensión da lingua non poden dicir a súa data de nacemento ou a dos seus fillos, tampouco identificar datas nun calendario. Por tanto acudir calquera tipo de citas (médicas, servizos sociais, colexios, mesmo control das menstruacións, etc.), ou recoñecer datas, constitúe unha dificultade.
Facilítanse calendarios de parede e peto, pídese que se identifiquen os meses do ano con número e letra se é posible, e pídeselle en varias entrevistas que identifiquen diversas datas significativas para a persoa.
14- O uso de axendas ou cadernos para notas. Utilízase principalmente para a procura de emprego, é un documento de tripla entrada, axenda mensual, rexistro de contactos persoais e empresariais, e de entrevistas de traballo e envío de currículos. Facilítase unha axenda permanente, deseñada e editada no servizo, explícase o seu uso e requírese nas entrevistas posteriores. Crea hábitos de orde e memoria, permite avaliar as accións realizadas, podendo repetir aquelas que tiveron bos resultados e evitar as que resultaron un fracaso.

CONCLUSIÓNS

O papel da traballadora ou traballador social non está tan deteriorado como nos queremos facer ver a nos mesmos, 14 ferramentas de traballo non son nada solo a punta do iceberg un saber facer que nos pertence porque somos nós os profesionais que creamos e utilizamos ferramentas na nosa intervención técnica.
É verdade que hai momentos nos que se fai imposible traballar como quixeramos, pero volvendo ás ferramentas de calquera profesión, se un afiador profesional perde a súa roda de afiar, pode ter que afiar cunha simple pedra caliza, pero non esquece como ten que darlle á roda, como se limpa como se mantén, e o seu norte é volver a ter unha boa roda de afiar e usala e perfeccionar o seu afiado. A idea de escribir este artigo axudoume a afiar as miñas ferramentas.
Ter isto presente, fai que non perda de vista varias cuestións, non traballa mais quen mais número de casos atende, faise mais traballo de calidade do que parece e o traballo de reivindicar uns servizos sociais dignos ten que ter unhas horas nas nosas axendas, para devolver o traballo que facemos e cara onde estamos indo con el. A isto chámaselle planificar, executar e avaliar. A grande maioría dos profesionais do Traballo Social fai esta labor técnica.
O futuro da intervención social está nas nosas mans, a situación de crise económica pode ser unha oportunidade para facer ver que a masificación dos servizos crea malestar tanto nos profesionais como nas persoas atendidas, e que o modelo prestacionista non fai mellorar a calidade de vida nin dos servizos sociais, é tempo pois de recuperar e de manter modelos de acompañamento social e de traballo social no senso amplo da profesión.

Bibliografía.
·        CIAN, Luciano, 1994,La relación de ayuda. Madrid. CCS.
·        MILLER, William R. e ROLLNIC, Stephe 1999. La entrevista motivacional.Barcelona. Paidós Ibérica.
·        RICHMOND, Mary E.1995. El caso social individual, el diagnóstico social, textos seleccionados. Madrid. Tasala Ediciones.
·        ROSSEL, Teresa 1989. B La entrevista en el trabajo social. Barcelona.Hogar del libro.
·        VVAA. 2003.Manual para el trabajo social de acompañamento en los itinerarios de inserción. Madrid. Colegio oficial de trabajadores sociales de Madrid.
·        VVAA. 1997. Entrevista y consejo psicológico. Madrid. Síntesis.



Ningún comentario:

Publicar un comentario