25 de agosto de 2011

Entrevista: Efectos prácticos da supervisión



Dende abril non foi posible elaborar novas entradas no Blog, pero aquí sigo, e seguimos aqueles que pensamos que a Supervisión é un bo xeito de mellora persoal e profesional, de vernos e que nos miren dende outra perspectiva.

Hoxe preséntovos a Isabel, ela é Traballadora Social dos Servizos Sociais Comunitarios, e recibe supervisión por vídeo conferencia, accedeu amablemente a compartir con nós a súa experiencia cunha entrevista que espero vos suxira algunha reflexión ou cando menos un “eu penso algo parecido”.

Isabel, sei que estás satisfeita con todo o que supón este traballo de mellora persoal e profesional. ¿canto tempo levas coa supervisión?
Dende marzo de 2009.
¿Cada canto tempo fas sesións?
O número e periodicidade das sesións de supervisión dependen de cada persoa. No meu caso fago entre 1 e 2 sesións mensuais.
¿Que te motivou para iniciar este proceso?
Despois de bastantes anos na profesión cheguei a un punto no que precisaba darlle unha volta a todo o aprendido ata o momento. Precisaba “reaprender” de novo porque vía que estaba nun “camiño sen saída”, que non avanzaba. Supoño que se trataba dunha situación de crise, xa que foi un momento de reconsiderar moitas cousas, cousas que vin que non me funcionaban e non me compracían, pero vin que soa non era capaz e tampouco vía que no meu entorno laboral (e menos no persoal) houbese alguén que me puidera axudar.
¿Como o encaixas na túa axenda?
Pois a verdade como podo. Traballo, teño fillos pequenos e a verdade é que o tempo non me sobra. Non obstante, cada sesión é dunha hora e pensa que unha hora ao mes ven se poden sacar dalgún sitio. No meu caso, a miña supervisora facilítame moito as cousas porque sempre intenta que teñamos as sesións nun horario que a min me veña ben, aínda que a ela lle supoña un esforzo. Ademais hai que ter en conta que é algo que podes facer dende a túa casa, sen perdas de tempo de desprazamentos, co que facilita moito máis as cousas.
Por favor, cóntanos algo que destaques como especialmente positivo do proceso de supervisión.
Eu penso que hai moitas cousas positivas que podería dicir, pero destacaría:
- O sentirse acompañada. O feito de que esteas pasando por momentos de dúbida, indecisión ou algún momento difícil e teñas alguén para compartilo e que che pode axudar.
- O feito de poder contar nese proceso cunha persoa de recoñecida credibilidade na profesión e cunha visión obxectiva e diferente ao círculo laboral no que te moves polo que che permite avanzar, xa que habitualmente temos moito medo ao cambio e as persoas que che rodean habitualmente tenden a impedir que ti avances.
- O poder evolucionar, reaprender cousas, volver a ilusionarte co teu traballo.
Tamén algunha dificultade coa que te atoparas, e como se foi solventando.
O principal problema que me atopei foi o tecnolóxico. Con isto non quero dicir que a vídeo conferencia sexa difícil de utilizar, todo o contrario, é moi doado e accesible para todos, aínda que non se teñan coñecementos de informática. Pero para min foi un pouco dificultoso porque cando empecei coa supervisión, no meu lugar de residencia, dispoñía de moi mala conexión a internet, polo que a vídeo conferencia interrompíase varias veces na sesión. Así, tiven que buscar un lugar alternativo fóra da miña casa para facelo ata que resolvín o problema e conseguín unha mellor conexión.
¿Que papel lle das ao traballo de supervisión na túa traxectoria profesional?
Pois lle dou un papel moi importante. Como xa dixen, axudoume moito a renovarme, a reaprender cousas. Se non estivese levando a cabo este proceso non sei se podería seguir neste traballo e se seguise o levaría moi mal porque penso que non hai nada peor que perder a ilusión.
¿Créase relación de dependencia na relación supervisor-supervisado?
Penso que podería ser doado que isto ocorrese, pero que un/ha bo/a supervisor/a xa sabe dirixir a relación para que isto non suceda. Pensando na miña propia experiencia, vexo que a miña supervisora intenta que eu manteña a miña autonomía, darme ferramentas adecuadas para que eu tome as miñas decisións e leve a cabo a miña propia evolución. Ela oriéntame, axúdame, pero son eu quen decido o meu camiño.
¿Pensas que o proceso de supervisión ten un principio e un final?
Si. Todo ten o seu principio e o seu fin. Un proceso de supervisión supón un proceso de enriquecemento e de aprendizaxe moi importante no que se adquiren as habilidades de capacidades necesarias para a mellora profesional. Isto non quere dicir que chegado certo momento non precisemos aprender máis, pero ao mellor o facemos doutra maneira.
¿Pensaches no final dese proceso?.
Pois aínda que son consciente que ten que chegar, a verdade que non o pensei pois no meu caso creo que aínda me queda lonxe.
Finalmente gustaríame que comentaras o que desexes algo que non che preguntara e que pensas que é importante para os profesionais que non fan supervisión ou que están pensado en facela
Penso que a nosa profesión ten unhas características que fan que as persoas que traballamos nela teñamos que coidarnos especialmente e que se non o facemos corremos moitos riscos.

Como xa dixen, levo bastantes anos na profesión e teño visto que profesionais moi válidas/os están pasando situacións de sufrimento ou están practicamente invalidadas/os para o traballo por non terse coidado a tempo. É unha mágoa que isto suceda cando temos un recurso profesional estupendo que pode axudarnos.

Cando eu pensei e facer supervisión, pensei que sería todo moito máis difícil e que non podería, que era algo practicamente imposible, pero todo foi moito máis doado do que pensaba. En España hai supervisores/as estupendos/as (e eu din cunha delas), o sistema de vídeo conferencia é moi doado e moi cómodo e en canto ao custo económico é perfectamente accesible.
O único que me gustaría é fose dende os lugares de traballo onde se promocionase a supervisión e se establecese este proceso dentro dos equipos de traballo e que non teña que ser asumido de xeito persoal como no meu caso. Quizais nun futuro non moi afastado isto se acade...

Moitas grazas Isabel, eu que comparto a Carmina Puig como supervisora, igual ca ti, coincido coas túas reflexións, e claramente co teu desexo de que a Supervisión forme parte das nosas axendas de traballo.
Loito para poder ver feito realidade ese desexo.